A historia de Laias comenza ao parecer hai moitos anos. Así pode considerarse, de ser certo que o nome de Laias proveña da voz celta laia, que segundo Benito Vicetto quere dicir "bosque"

IDADE ANTIGA

É probable que os primeiros habitantes de Laias baixasen do monte San Trocado, ou máis concretamente da "ciudá" ou castro de San Cibrao das Lás", un dos máis estensos de Galicia. A uns tres quilómetros del, en liña recta, está o xacemento arqueolóxico D' A Cova da Moura tamén chamado de O Castelo, que segundo o seu escavador, Chamoso Lamas, é unha explotación de ouro da época romana e no que se detectan construcións de xentes prerromanas.

O epigrafista Marcelo Macías di que a parroquia de Laias é o municipio romano de Lais, famoso naquel tempo pola explotación das areas de ouro que arrastraba o Miño, coincidindo nesta opinión con Florentino López Cuevillas e o P. Rodríguez, non estando de acordo en cambio, o P.Sarmiento, Flórez e Cornide.

Di Idacio que á distancia de cinco millas deste municipio de Lais, colleron uns pescantíns no ano 469, no Miño, catro peixes que tiñan nas escamas caracteres hebreos, gregos e latinos, facendo o número dos días do ano, e que non lonxe de aquí, choveu do ceo unha especie de lentellas moi verde cunha pebida amarguísima.

Antonio Rodríguez Colmenero indica como probable, a situación en Laias da "Idata Laia" de Ptolomeo pola que pasaría unha hipotética vía romana, paralela á XVIII do itinerario de Antonino, sendo a segunda capital dos Turodi, e a "Ciudá" e o Santrocado, a Civitas Turodorum, primeira capital. Enlazaría esta proposta co que consta na Gran Enciclopedia Galega, na que se indica que, segundo Ptolomeo, Aquae Laae (non soa a Lás, Laias??) era a poboación capital dos "turodos".

Podíamos propoñer tamén como hipótese que o barrio d´As Quintás, próximo ao manacial de augas termais de Laias, puidesen seras Aquas Quintianas do falso cronicón de Flavio Dextro.

Sexan verdade ou non todas ou algunha destas hipóteses, o que sí é certo é que Laias está nunha zona moi romanizada, próxima ao castro de Lás e que hai restos de época romana: o propio castro e a villa romana de Eiras (Concello de San Amaro) confirman arqueoloxicamente isto.

IDADE MEDIA

Entrando xa no comprobado, hai que sinalar que Laias cítase en diversos documentos medievais, empezando polo do 27 de febreiro de 992, recollido por López Ferreiro, no que consta que o rei Ordoño II cambia con Gudesindo, bispo de Compostela, a vila de Láncara polas de Arcabria e Oza, estando situada a primeira, segundo o documento, entre Laias e Castrelo.

No ano 958, a 21 de maio, Ordoño IV dona á igrexa de Compostela a aldea de Jovellini, situada á beira do río Miño e cerca de Laias, que era do patrimonio de Ordoño.

Nos derradeiros anos dese século X, o rei Vermudo II acudía con frecuencia a Laias co príncipe, futuro Alfonso V "... para aliviarse y curarse de ... la gota".

Consta igualmente o nome de Laias nun documento de 1133 no que Afonso VII fai doación do castelo de Louredo e o seu couto ao bispo de Ourense, Martín e ao Cabido. No 1154 o papa Anastasio IV confirma nunha bula todos os privilexios e posesións da igrexa compostelana, constando "... Laias cum pertinentiis suis ...", e en 1178 Juan Arias, marido de Urraca (filla de Fernando Pérez de Traba) "posee una villa en Layas".

IDADE MODERNA

O 18 de xuño de 1480, o I Conde de Ribadavia, Bernardino Pérez Sarmiento, fai doazón en Benavente á súa muller María Pimentel, filla do Conde de Benavente, do couto de Laias "...la posesión en propiedad e señorío de dicho coto e vasallos... e aber y cobrar todos los maravedís e pan e vino e tocinos y carneros e pesqueras...",coa barca e o portádego de Barbantes, que daquela formaba parte da parroquia de Laias. Pero en 1487 é denunciado na Corte polo seu antigo maiordomo e agora recadador de alcabalas no bispado de Ourense, o xudeu Moisés Pérez, porque o Conde cobraba as rendas que lle arredara a Moisés, e a Condesa que lle arrendara as rendas do couto de Laias e a barca do porto de Barbantes. despoxárao e desapoderárao de tal arrendamento. En 1489 continuaba a disputa.

O 11 de xullo de 1563 fai testamento María Sarmiento Ribadeneira, fundadora do Colexio Seminario de Viveiro, ao que lle deixou os seus bens en Laias, xuntamente coa barca de Barbantes. Eran máis de 700 ducados de rendas e de 150 vasalos. O Concello de Viveiro tivo que pleitear contra o seu marido Gómez Pérez das Mariñas, por culpa da herencia, constando haber xa pleito en 1564 e continuando aínda en 1576. En 1584 tamén pleiteaban o Gómez Pérez das Mariñas e outros en demanda de "mitad de la barca de Barbantes y competencia de jurisdicción" por parte da condesa de Rivadavia.