A parroquia de Laias pertence ao concello de Cenlle (Ourense) e está situado á beira do río Miño, na aba do monte Santrocado. Estrema coas parroquias de Razamonde, Eiras, Ourantes, A Barca de Barbantes, e, co río no medio, coas de Puga e Astariz.


Visualizar o mapa ampliado

ACCESOS:

- POR ESTRADA: Desde Ourense pola A-52, saída en Barbantes, a 2 km pola N-120 a 3 km. en dirección a Ribadavia. Desde Vigo, pola A-52 con saída en Ribadavia e logo pola N-120 en dirección a Ourense, a 8 km, ou ben saíndo en Barbantes co recorrido antes indicado. Desde Ribadavia, pola N-120 ou pola A-52.

- POR FERROCARRIL: Estación de Barbantes-Estación.

HISTORIA: As fontes documentais e a arqueoloxía permítennos afirmar que a zona de Laias estivo ocupada xa dende antes da chegada dos romanos. Para Marcelo Macías foi o "municipio de Lais", famoso pola explotación de areas de ouro do Miño.

Moi preto está o castro de San Cibrao das Lás e na propia parroquia atópase o xacemento arqueolóxico da Cova da Moura e d´O Castelo, segundo Manuel Chamoso Lamas centro mineiro de ouro explotado xa antes da ocupación romana. Todos os manuais de Historia ubican erroneamente este xacemento en Barbantes.

Ao longo de toda a Idade Media aparece mencionada esta poboación en moitos documentos polas súas augas termais, por contar con un dos pasos máis importantes do río Miño: a barca de Barbantes e por ter sido residencia real.

Na época moderna deixou de pertencer á xurisdicción de Maside para integrarse no concello de Cenlle, experimentando un auxe importante ao construirse no lugar de A Barca de Barbantes a estación de ferrocarril de Barbantes.

No 1954 a primitiva parroquia serárase en dúas: a de Laias e a de A Barca (este lugar foi coñecido ao longo do século XX cos nomes de Barbantes e tamén co de Barbantes-Estación).

BALNEARIO: As súas augas termais xa eran coñecidas na época romana e mesmo o rei Vermudo II (morto no 999) usounas con frecuencia para curarse da gota. Esta augas foron sempre moi utilizadas polos lugareños e por xentes doutros lugares que viñan atraídos pola súa fama de augas curativas para moitas enfermidades.

Na actualidade aprovéitanse a través dun novo complexo termal que consta de estación termal, edificio residencial e hostal, todo ilo á beira das augas do río Miño.

PATRIMONIO CULTURAL, ETNOLÓXICO E ARTÍSTICO: Non é moi abondoso nin está coidado pero aínda ten variedade e certo interese como a decoración da portada da vella igrexa parroquial (na que aída se aprecia a inscrición: ESTA ES IGLESIA DE REFUGIO SAGRADO, un cruceiro, escudos de armas, pensos de vellos lagares, cabaceiros e amplas zonas da parroqua onde se poden atopar restos romanos ademais dos restos do xa citado xacemento arqueolóxico D´A Cova da Moura. Na igrexa nova consérvanse parcialmente os retablos barrocos da vella igrexa.

VISITAS CULTURAIS E DE LECER:

A propia parroquia e, en maior medida os arredores ofrecen moitas posibilidades, tanto desde o punto de vista cultural como do medio natural, contando con áreas recreativas, rutas de sendeirismo e zonas de baño.

FESTAS E ROMARÍAS:

En canto ás festas, as principais da parroquia son as do verán que se celebran os días 10, 11 e 12 de Xullo. E temos que destacar tamén a romaría do San Trocado, que se ven celebrando o sábado seguinte ao 15 de maio.